A TVG estrea na súa primeira canle a nova produción de Bolanda, que conta as aventuras de Michael Sellick, un profesor londiniense que descubrirá os segredos dunha contorna que garda a esencia viva do interior de Galicia
A serie de Bolanda, “Un guiri pola Ribeira Sacra” chega á Televisión de Galicia este sábado 15 de xuño, ás 20 horas, na primeira canle autonómica. Esta nova produción pretende dar a coñecer o patrimonio histórico, paisaxístico e gastronómico da contorna conxugando a divulgación da riqueza material e inmaterial do territorio, dun xeito didáctico a través da escoita das súas xentes.
Esta viaxe pola Ribeira Sacra está protagonizada por Michael Sellick, un profesor londiniense de Historia, afeccionado á fotografía e á música que desexa descubrir os segredos deste territorio do interior de Galicia, e que encarna un actor británico afincado en Galicia, Miguel Guido. Coa súa mochila, cámara e guitarra en man, emprende unha fermosa odisea polos recunchos máis fascinantes da Ribeira Sacra a modo de peregrinación para descubrir unha terra sacra que preserva a esencia galega, sen renunciar ao atractivo turístico, paisaxístico e cultural.
A primeira parada do percorrido é o municipio ourensán de Castro Caldelas, unha das localidades máis históricas e fermosas de Galicia. Ao longo da viaxe, o profesor descubrirá o conxunto histórico e o trazado medieval da vila, a casa onde viviu o senlleiro escritor Vicente Risco, as vistas das vides dende os Canóns do Sil e o Museo de Arte Sacra. Tamén terá oportunidade de visitar o marabilloso santuario da Nosa Señora dos Remedios e o seu patrimonio. No apartado gastronómico, Mr. Sellick degustará a tenreira de raza caldelá e o xamón curado da comarca, moi cobizado polo seu sabor de castañas e, por suposto, a bica.
Gastronomía, música, artesanía, costumes e profesións tradicionais son algúns do temas que abordarán os capítulos desta nova serie. O obxectivo é divulgar a historia e o atractivo turístico dun territorio de innegable riqueza natural e cultural co fin de amosar un modo de vida sostible, racional e moderno, ao mesmo tempo que se proxecta a imaxe exterior da Galicia interior, en compaña das súas xentes.
10 percorridos para coñecer a Ribeira Sacra
A nova serie, composta por 10 capítulos de 50 minutos cada un, transcorre arredor de varios lugares que conforman a Ribeira Sacra, 5 na provincia de Ourense e 5 na provincia de Lugo.
Cap. 1 Castro Caldelas
Cap. 2 Montederramo
Cap. 3 Parada de Sil
Cap. 4 San Pedro de Rocas
Cap. 5 Quiroga
Cap. 6 Monforte
Cap. 7 Santo Estevo
Cap. 8 A Peroxa, Pantón e Os Peares
Cap. 9 Chantada
Cap. 10 Portomarín