A edición en galego da obra foi presentada este luns na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Xunto ao conselleiro e ao autor da obra, estiveron o editor Antonio Couto e o responsable da tradución, o profesor e escritor Manuel Portas.
A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela acolleu este luns a presentación da edición en galego do último libro do profesor Juan J. Gestal: Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade (Ed. Bolanda, 2021). Co autor estiveron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o profesor e escritor Manuel Portas, responsable da tradución da obra, e Antonio Couto, de Edicións Bolanda.
O editor subliñou o feito de poder ter esta obra en lingua galega xa que, malia tratar unha temática universal, tanto o escritor como moitas das cuestións que trata ao longo das 600 páxinas do libro teñen vinculacións con esta terra: o Camiño de Santiago, o Hospital Real, a Expedición da varíola etc. Tamén destacou a profusión de datos e a profundidade do traballo do autor así como de todo o equipo (xornalistas, deseñadores…) que permitiu “dar a luz un libro de divulgación científica e académica de referencia e consulta no ámbito da saúde”. Sinalou especialmente o traballo de Olaya Naveira, autora das ilustracións que abren cada capítulo e da propia portada, e responsable do deseño xeral da obra, un dos aspectos máis destacados da mesma.
O profesor e escritor Manuel Portas cualificou como “un goce” poder facer este traballo e descubrir os contidos do libro, e amosou a súa alegría porque “o saber actual estea na nosa lingua” especialmente no ámbito da divulgación científica.
O autor, Juan Gestal, mostrou a súa satisfacción por poder presentar a súa obra en lingua galega na que foi a súa casa durante tantos anos –foi profesor de Medicina e decano da facultade moito tempo–. Na súa intervención o Dr. Gestal non puido evitar recordar que a pandemia de covid-19 segue tan presente como cando comezou a escribir este libro, en pleno confinamento de 2020, malia que moitos indicadores sinalan que “poderiamos estar no final desta pandemia”. Así mesmo, aproveitou para recordar que as epidemias e as pandemias non son algo insólito. A humanidade leva sufríndoas desde o principio dos tempos e hai moitas medidas de prevención que demostraron a súa efectividade ao longo dos séculos, como se comproba no libro. Nesas medidas eficaces e no reforzo do Sistema Nacional de Saúde é onde hai que pór o foco con urxencia, asegurou o Prof. Gestal.
Pola súa banda Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade salientou a contribución da comunidade científica da que forma parte Gestal para arroxar certezas e aportar solucións durante a pandemia con “serenidade e seguridade”. O titular de Cultura da Xunta agradeceu o traballo de Juan Gestal, “actor clave na xestión do virus en Galicia” que demostrou que a “Universidade é un dos axentes principais cando a sociedade precisa de respostas eficaces e contundentes ante a crise”. Definiu a nova publicación como unha oportunidade de achegarse á evolución histórica das pandemias cunha “especial combinación” entre ciencia e literatura e como unha demostración “da rigorosidade académica e paixón literaria” do autor.