“Economía e saúde non se levaron ben nas pandemias”, asegura Gestal na presentación do seu último libro

16 · xullo · 2021


O Prof. Gestal presentou este xoves en Santiago o seu último libro, acompañado polo editor Antonio Couto, o especialista en análises clínicas Tomás Camacho e o presidente do Parlamento de Galicia Miguel Á. Santalices.




O Salón Nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, acolleu este xoves a presentación do libro Pandemias. Las epidemias que asolaron la humanidade do Prof. Juan J. Gestal Otero. Numerosas personalidades do ámbito médico e académico acudiron ao acto, marcado pola restrición de espazo e as medidas de seguridade e hixiene impostas por esta última pandemia que seguimos sufrindo, tal como indicou o Prof. Gestal, especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario das Reais Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia.

O Prof. Gestal lembrou que moitas destas medidas non son novas nin improvisadas e demostraron a súa efectividade ao longo dos séculos, como ben se evidencia no libro. “As medidas non farmacolóxicas da COVID-19 non son nada novo”, indicou o autor, quen aproveitou a presentación da súa obra para reivindicar a importancia de “potenciar a saúde pública, a cincenta do Sistema Nacional de Saúde, que só recibe o 2% do orzamento do SNS mentres o 80% ese emprega na adquisición de vacinas”.

“Economía e saúde non se levaron ben nas pandemias. Por preservar a economía danouse gravemente a saúde e, ao final, tamén a economía” asegurou o autor, quen foi xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago e director xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia. Como bo coñecedor do sistema sanitario, o Prof. Gestal pediu a “urxente modernización da Vixilancia Epidemiolóxica, que son os ollos do SNS”.

O autor non quixo esquecer, estando en pleno Ano Santo, o papel que tivo o Camiño de Santiago na configuración da que se podería considerar a primeira rede de hospitais do mundo, tal como lembrou o Dr. José Mª Martín-Moreno, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Valencia, no prólogo do libro, onde recorda que eses “grandes valores” que representa o Camiño de Santiago son esenciais para tratar de minimizar as secuelas de crises como esta e como as que chegarán no futuro, “porque haberá máis pandemias e o único que podemos facer é aprender, para afrontalas cada vez mellor”.

Santalices destaca o “papel histórico de Galicia” na loita sanitaria

O profesor Gestal estivo acompañado na presentación do seu libro polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen eloxiou os “inmensos coñecementos científicos, pero tamén a vocación didáctica, a calidade expositiva e a xenerosidade” de quen foi o seu profesor na Facultade de Medicina de Santiago. Sobre esta última calidade, apuntou que o profesor Gestal asesorou “gratis et amore” ao Parlamento de Galicia no deseño e implantación do Plan de continxencia da institución fronte á COVID-19, un documento que suscitou reiterados eloxios polo seu rigor.

O titular do Lexislativo galego destacou, á vista do contido do libro, o “papel histórico de Galicia”, moitas veces descoñecido, no ámbito da saúde pública, alcanzado a través da Expedición Filantrópica da Vacina que partiu do porto da Coruña en 1803 para levar a vacina contra a varíola a América e, desde alí a outros asentamentos de ultramar. Nesa expedición, destacou o traballo de Isabel Zendal, galega de Ordes, á que a OMS recoñeceu como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

Santalices Vieira aproveitou a súa intervención para subliñar o “papel determinante das vacinas ao longo da historia”, feito que considerou necesario lembrar “fronte aos insensatos que aínda a día hoxe dan credibilidade ás mensaxes dos antivacinas”. E, para finalizar, remarcou a importancia do coñecemento científico, convencido de que “só a ciencia asegura o progreso e a superación das pandemias”.

Curiosidade intelectual, estudo, rigor e paixón

Tamén interveu no acto o Dr. Tomás Camacho García, responsable de Análises Clínicas do laboratorio VithasLab, quen resaltou as “moitas horas de curiosidade intelectual, estudo, rigor e paixón pola sanidade, docencia e transmisión do saber” que hai tras este libro.

O Dr. Camacho eloxiou a selección de episodios da historia realizada polo profesor Gestal, “que explica de forma perspicaz como o cambio climático veu dando avisos de potenciais problemas epidémicos co incremento das arboviroses e a reintrodución do paludismo no sur de Europa”. Así mesmo, valorou o feito de recompilar “os adiantos médicos que acompañaron estas pandemias” e destacou a epidemia de cólera como “unha enorme fonte de aprendizaxe en sanidade” similar ao nacemento da epidemioloxía e da estatística sanitaria, ou das primeiras leis de sanidade. Tamén puxo en valor “as medidas salubristas ou non farmacolóxicas adoptadas ao longo da historia, que non difiren moito das que se implementaron fronte á COVID-19” como son as corentenas, illamentos, cordóns sanitarios, construción de hospitais, salvocondutos ou certificados de mobilidade, entre outras.

Pola súa banda, o editor do libro, Antonio Couto de Editorial Bolanda, destacou a profusión de datos e a profundidade do traballo do autor así como de todo o equipo (xornalistas, deseñadores…) que permitiu “dar a luz un libro de divulgación científica e académica de referencia e consulta no ámbito da saúde”. Sinalou especialmente o traballo de Olaya Naveira, autora das ilustracións que abren cada capítulo do libro, así como da propia portada, e responsable do deseño xeral da obra, aspectos moi destacados por todas as persoas que acudiron á presentación.