O lobishome en formato libro-xogo

30 · xuño · 2016

Jacobo Paz presentou na libraría Cronopios de Santiago a súa revisión da lenda do lobishome que converte o lector en protagonista. A obra está editada por Bolanda e ilustrada pola deseñadora Olaya Naveira

O escritor e guionista Jacobo Paz Limia presentou na libraría Cronopios de Santiago a súa nova obra: Lobishome. Trátase dun libro dirixido ao público infantil e xuvenil no que se fai unha revisión da mítica figura do home lobo desde unha perspectiva lúdica e buscando a complicidade do lector. Tanto é así, que o lector “convértese en protagonista da historia, que debe ir construíndo a medida que vai lendo o libro”, explicou o autor na presentación.




Este é un dos grandes atractivos da obra “un recurso moi coñecido para a nosa xeración, que recorda aqueles libros de ‘elixe a túa historia’ con gran agarimo, pero non tanto para as seguintes”, explicou Jacobo Paz. De aí a idea de levar o formato a unha historia “que se presta especialmente, pola plasticidade e a emoción que ten a figura do lobishome para os cativos”.

Este recurso, xunto á “capacidade de decisión que ten o lector-protagonista” fai que a lectura torne en algo activo: “A nena ou neno ten que implicarse, pensar que quere ou debe facer e, en función diso, vivirá unha historia diferente que o levará a un final diferente”. Deste xeito poténciase a autonomía deses primeiros lectores ávidos de historias e con tempo libre por diante para caer nun dos maiores praceres que hai: a lectura. Con este fin concibiu e creou a historia Jacobo Paz, que ten dous fillos aos que quere transmitir o seu amor pola literatura buscando historias e formas de contalas que os animen a ler.

Lobishome, que está xa nas librarías galegas, é o último título editado por Bolanda, responsable nos últimos tempos de diversas coleccións destinadas ao público infantil, entre elas todas as dos Bolechas. Para darlle aínda máis “espectacularidade” á obra, a editora compostelá optou por un libro de gran formato cunhas vistosas ilustracións a cargo dunha das deseñadoras de Bolanda, Olaya Naveira, que fan deste Lobishome unha pequena xoia.

Jacobo Paz

Cunha longa traxectoria tanto no mundo da escrita como no audiovisual, é creador e guionista das dúas temporadas da serie Casa Manola de Televisión de Galicia e colaborou noutras ficcións, como Pratos combinados ou As leis de Celavella, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo. Foi redactor e guionista do programa E agora que? e do reality show O gran camiño e desenvolveu numerosos formatos para televisión, como Sobre rodas (V Televisión) ou Maniotas (TVG). Actualmente traballa no guión da coprodución hispanoarxentina Fabricantes de ovnis.

Director e guionista de diversos documentais de difusión cultural, entre os seus traballos de non-ficción destaca a escritura de Galicia Caníbal, para Televisión Española, seleccionado polo Beefeater In-Edit Festival. Como dramaturgo, ten publicados tres libros e máis dunha ducia de pezas teatrais en diversas revistas especializadas. A súa obra Estigma foi representada polo Centro Dramático Galego.