A viaxe á fin do mundo

Manuel F. Rodríguez

Sinopse

O roubo en 1906 na basílica compostelá da cruz de Afonso III, unha cruz grega do século IX de ouro e xemas, nunca se resolveu. A prensa apenas tratou o sucedido, malia supoñer a perda da ofrenda máis antiga ao apóstolo Santiago e a máis venerada polos peregrinos. En 1921 o misterio aumentou ao arder o retablo de onde desaparecera. Foi un feito insólito e non aclarado e, coma o roubo, axiña esquecido. Só alguén en Santiago, un xornalista, quererá respostas, non tanto por afán profesional como polo xeito en que estes sucesos condicionarán, sen piedade, a súa vida. Esta busca levarao a cruzarse, de traumático xeito, con outras buscas non menos determinantes. Procuras que aos cen anos do roubo volverán con insospeitadas consecuencias. A clave estará na viaxe metafórica e real ao finis terrae máis mitificado polos europeos a través dos séculos.