Segunda edición de “VICVS. Un lugar aquelado”

21 · xaneiro · 2020

Xa está nas librarías galegas a segunda edición de VICVS. Un lugar aquelado. Ao igual que o primeiro libro, VICVS. Un lugar do común, o éxito deste segundo título da serie escrita por Beto Luaces levou a sacar unha nova tiraxe.




A segunda edición de VICVS. Un lugar aquelado, segundo título da serie ideada e escrita por Beto Luaces, xa está dispoñible nas librarías e puntos de venda habituais.

Repítese o éxito acadado coa primeira novela, VICVS. Un lugar do común, que tamén tivo segunda edición, ademais de estar entre as lecturas máis prestadas na Biblioteca Pública de Vigo: en 2018 quedou en primeiro lugar, por riba de Patria de Fernando Aramburu e do bestseller mundial La verdad sobre el caso Harry Quebert de Joël Dicker, e en 2019 quedou en segundo posto por detrás do éxito de Aramburu.

VICVS. Un lugar aquelado

A trama transcorre en Vigo onde é asasinado –dunha forma especialmente truculenta– un dos grandes empresarios conserveiros da cidade. O antigo policía Manuel Peixoto, convertido en detective tras os sucesos da primeira novela, recibe o encargo de descubrir quen executou tan brutal crime. E ao tempo que descobre quen o fixo, descubrirá tamén a historia empresarial do sector, intimamente ligada á da cidade. E de novo aparece a conexión coa poderosa e enigmática Serra do Suído.

Aínda que a historia é unha continuación do primeiro título, trátase dun caso completamente novo e independente no que o arquitecto Senén Barreiro cédelle o protagonismo a Peixoto, que será quen deba resolver este caso no que, de novo realidade e ficción se unen nun apaixonante relato que percorre a historia moderna da cidade máis grande de Galicia.

Un novo título do que se deu en denominar o 'noir vigués' e que, alén de etiquetas, está a demostrar o bo momento que vive a literatura galega –e no caso de VICVS galega e en galego– non só desde o punto de vista da crítica senón, e moito máis importante, das persoas que len.