O empresario Ramiro Carregal abandeira un novo premio á investigación en cardioloxía

01 · outubro · 2018

O Hospital Clínico de Santiago acolleu a firma dun acordo que contribuirá a fomentar a investigación no ámbito da cardioloxía. Trátase dun premio de carácter internacional que nace da man de dúas destacadas personalidades: o Dr. José Ramón González Juanatey, referente mundial no tratamento das enfermidades do corazón, e o empresario e mecenas Ramiro  Carregal.

Ramiro Carregal e o Dr. Juanatey asinaron hoxe o acordo de patrocinio do Premio, xunto coa xerente da área Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, que o fixo en calidade de presidenta do padroado da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Fidis) que xestiona a actividade do Instituto de Investigación Sanitaria ao que pertence o Grupo de Investigación en  Cardioloxía que encabeza o Dr. Juanatey.




Tanto o especialista como Eloína Núñez destacaron o “exemplo” de Ramiro  Carregal no ámbito do mecenado, un campo no que aínda “falta cultura no noso país”, explicou o Dr. Juanatey, quen lembrou que “en España só o 2 % dos fondos que se dedican a investigación proceden do mecenado”, cando en Reino Unido a porcentaxe chega ao 40 % e en Alemaña ao 30 %. Así mesmo, o especialista asegurou que “o maior logro social do noso país é a sanidade pública de máximo nivel, que atende a todo o mundo independentemente do seu estrato social ou económico”, por iso “todos deberiamos contribuír ao seu desenvolvemento”.

Xerar coñecemento ao redor da patoloxía das válvulas cardíacas

O Dr. González Juanatey explicou que o obxectivo do Premio é “xerar novo coñecemento en patoloxías que afectan as válvulas do corazón, que supoñen xa a terceira causa de enfermidade cardíaca”. Segundo indicou na presentación, estas patoloxías, “e especialmente unha, a  estenosis  aórtica”, está ligada ao envellecemento, polo que é “un auténtico problema de saúde”. O xefe do Servizo de  Cardioloxía do CHUS indicou que “en maiores de 80 anos, o 5 % da poboación ten patoloxía  aórtica e o 20 % destes necesita algún tipo de intervención cirúrxica ou  percutánea”, polo que é necesario investigar sobre as causas, a prevención, o diagnóstico e o tratamento destas patoloxías co fin de poder abordalas mellor.

“Na próxima década viviremos unha revolución absoluta das enfermidades das válvulas do corazón”, indicou o doutor. E este novo galardón permitirá apoiar esa “xeración de coñecemento que é, ademais, a misión dun hospital universitario como este”. Sobre este aspecto incidiu a xerente do CHUS, Eloína Núñez, quen lembrou que, ademais de “universitario” é un hospital “clínico” polo que os beneficios desta convocatoria chegarán a quen os necesita, a toda a sociedade. 

Este galardón súmase ao Premio Internacional en Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica –dotado, como este, con 20.000 euros–, que o empresario patrocina desde fai xa oito anos e ao que se sumará na próxima edición un segundo premio a “Talentos emerxentes” de 6.000 euros. Unha mostra máis da implicación de Ramiro Carregal e da súa empresa, Frinsa, coa sociedade.

O empresario mostrou o seu agradecemento por poder poñer “o seu granito de area” noutro dos grandes retos da medicina actual. “Como ben sabedes, as enfermidades do corazón son a principal causa de morte, mesmo por encima dos tumores”, indicou o presidente de Frinsa, “por iso non podía desatender a petición de axuda do meu querido e admirado Dr. Juanatey, un referente nacional e internacional no tratamento das enfermidades do corazón”.

O Premio

O Premio Internacional de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades  valvulares cardíacas Ramiro Carregal”, convocarase con carácter anual cunha dotación económica de 20.000 euros, ademais de galardón acreditativo. O obxectivo do mesmo, tal como indica o acordo asinado, é “recoñecer o labor dos investigadores e clínicos que traballan na procura dun mellor tratamento das patoloxías que afectan as válvulas cardíacas”.

Para iso o Padroado do Premio reunirase nos próximos días para designar os membros do Xurado, que estará presidido por Ramiro  Carregal e composto por “destacados membros da comunidade científica, académica e investigadora”, e convocará a primeira edición deste premio, ao que poderán presentarse investigadores “básicos” ou clínicos que desenvolvan a súa actividade “en centros sanitarios e/ou centros de investigación, públicos ou privados de Galicia, España ou calquera parte do mundo”.

As bases concretas daranse a coñecer en canto convóquese o Premio, que se fallará e entregará ao longo do próximo ano.