Tabaré Santellán presenta doce “Relatos do lado escuro do folclore” na Fundación Granell

24 · xaneiro · 2018

Rumores baixo o luar. Relatos do lado escuro do folclore xorde como “un proxecto de reinterpretación, un novo prisma dende o que abordar as vellas lendas e personaxes que conforman o folclore galego”. Así explica o autor, Tabaré Santellán Brey, esta obra na que percorre, a través de doce relatos, os mitos nacidos do terror, a superstición e, sobre todo, a desbordante imaxinación das xentes de Galicia.




A obra, editada por Bolanda, será presentada este xoves, 25 de xaneiro, ás 19:00 h na biblioteca da Fundación Eugenio Granell polo propio autor e ilustrador das historias, Tabaré Santellán. Graduado en Belas Artes pola facultade de BBAA de Pontevedra, formouse na Universidade de Hildesheim, Alemaña e ten traballado como ilustrador nas revistas Magnolia Lume, ademais de participar en diferentes exposicións individuais e colectivas como In-expertos e En persoa.

Nesta obra reúne doce relatos de terror e fantasía que toman como pano de fondo o folclore galego. Deste xeito, tanto personaxes como crenzas nacidas do medo e a superstición, cobran vida a través dun novo prisma. Tomando inspiración do xénero gótico, Tabaré presenta historias que reinterpretan o mundo fantástico que se transmitiu sempre mediante a tradición oral, por medio de costumes e lendas que perviviron ata os nosos días.

Pero este libro non se limita ás historias, senón que conta cun glosario onde o escritor verteu e condensou unha boa parte da súa documentación para os relatos. Este abarca desde unha boa colección de seres mitolóxicos, ata deuses doutras culturas que influíron de maneira innegable na nosa cultura e o noso pasado.

E hai tamén unha homenaxe á figura de Eugenio Granell, a súa fundación e o surrealismo en “A visita do arquitecto onírico”, unha historia que nos traslada ao diario que narra os últimos días dun curioso artista e as súas incursións no “mundo dos soños”, co fin de descubrir as razóns da súa estraña morte.