O profesor Veiga Alonso analiza dúas provincias da "Galicia vilega” de finais do século XVIII e principios do XIX

21 · decembro · 2017

Edicións Bolanda e o grupo Histagra da USC presentaron na libraría Couceiro o libro Poder e política na Galiza Vilega. 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo.

“Entre 1790 e 1833 vívense en Galiza, e no resto do Estado, tempos convulsos, cun mundo antigorreximental decadente mais con forzas dabondo para resistir, e unha alternativa liberal e constitucional aínda en cueiros que turra por ocupar o espazo político”. Así describe o profesor Xosé Ramón Veiga Alonso a época que analiza, en clave política e de poder, de varias vilas situadas nas daquela provincias de Lugo e Mondoñedo e que reflicte no libro Poder e política na Galiza Vilega. 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo.




Editado por Bolanda e presentado na libraría Couceiro, a publicación repasa ao longo de 400 páxinas, os “bambeos no poder local e provincial” chegando a poñer nomes e apelidos ás persoas que participaron nese período “marcado polo choque entre absolutismo e constitucionalismo”, e que tiveron que “pasar pola peneira duns microcosmos vilegos” que condicionaron moito a historia local “magnificamente relatada neste libro” e que recorda “en certo xeito a outras liortas territoriais moito máis próximas no tempo”, afirmou Antonio Couto. Así mesmo, o editor recordou que esta é a segunda obra que publican para o grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela tras as memorias do comandante profesional Antonio Seoane sobre a Guerra Civil.

Xunto co editor e o autor estivo na presentación o catedrático de Historia Contemporánea da USC, e membro de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto, quen describiu o libro como “unha regalía” do profesor Veiga Alonso “que trata con rigor analítico e pouso intelectual un tempo de trasición que semella afastado pero segue a ser a esencia e fundamento do noso presente”, xa que ese final do século XVIII e inicio do XIX supón o paso “dos tempos antigos aos contemporáneos”.

Tempos de transición que son “os máis interesantes para as vidas e os máis importantes para a Historia”, asegurou o profesor Fernández Prieto, quen tampouco puido deixar pasar o paralelismo coa situación actual ao asegurar que “os de hoxe tamén son tempos de transición nos que se definen rutpuras e se anuncian futuros aínda non coñecidos”. Mais os que recolle esta obra son os da “Transición por antonomasia”, non a vivida hai 40 anos senón a que supuxo a revolución burguesa e o fin do feudalismo “no noso territorio galaico”. 

Xosé Ramón Veiga Alonso

O autor é doutor en Historia da Universidade de Santiago de Compostela e Premio Extraordinario (1998), coa tese “O conde de Pallares e o seu tempo, 1828-1908. Política, ferrocarrís e agrarismo en Galiza”, dirixida polo profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández. É profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC e docente na Escola de Maxisterio de Lugo, ademais de membro do grupo Histagra. As súas liñas de investigación xiran en torno á historia política e agraria.