“El gran libro del Obradoiro” xa á venda en Tiro Libre Scq e no Sar os días de partido

14 · decembro · 2017

A tenda oficial do Obradoiro, Tiro Libre Scq, acolleu a presentación do libro escrito polo xornalista Xabi Sanmartín que se pode mercar xa na tenda e no Multiusos Fontes do Sar os días de partido do club ao prezo de 35 euros. 

Este mesmo domingo os afeccionados do Obra poderán facerse coa historia do seu club no Sar durante o partido ante o Real Madrid (18:30 h), pero o libro estará á venda en todos os encontros que xogue o equipo como local. Tamén está en Tiro Libre Scq, tanto na tenda física da rúa Ramón Cabanillas, nº 11 como na tenda online do club ata o día de Reis e, a partir de aí, en todas as librarías de Santiago de Compostela. 




Así o anunciou o autor, Xabi Sanmartín na presentación oficial do libro na que agradeceu “o apoio de toda a xente que coñecín nestes dous anos de traballo” que fixo “con moitísimo agarimo, tanto ao Obra, como ao baloncesto e a Santiago”. O xornalista desvelou as claves dun libro no que se recollen máis de 50 entrevistas e máis de 200 fotografías –moitas delas inéditas– que supuxeron un intenso traballo para poder ofrecer esta obra. 

Acompañaron o autor Antonio Couto, que explicou como chegou a Bolanda este proxecto “difícil” desde o punto de vista empresarial pero emocionante desde o sentimental: “Somos seguidores e accionistas do  Monbus Obradoiro. Falei con Jacobo Bermejo, de  Tórculo Comunicación Gráfica, e chegamos á conclusión de que é un club que se merecía un libro como leste. E puxémonos ao choio”, explicou o editor. Pola súa banda, Jacobo Bermejo, destacou que se trata dun libro “en catro tempos” xa que estará “aberto a que vaia tendo personalizacións”.

Desde o club, o seu director xeral José Luis Mateo asegurou que se trata dun “magnífico reflexo do sinuoso percorrido que tivo o club ao longo dos anos”, unha “historia de esforzo” que xunto á afección do Obra “supoñen os dous acenos de identidade máis importantes do noso club, o que nos permite competir cada día na segunda mellor liga do mundo e con algúns dos clubs máis importantes de Europa”, concluíu Mateo.