A Facultade de Medicina da USC acolle o pase previo dun documental que narra a súa historia

14 · xullo · 2017

"O tempo de Galeno. Historia dun símbolo" é o título do documental que narra a historia da que foi a primeira sede propia da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.

O documental, producido por Edicións Bolanda e Lúa Ideas para a Televisíon de Galicia, desvela, ao longo de 45 minutos, o devir do actual edificio –e por extensión da medicina compostelá do último século–, para o que conta con documentos históricos, fotografías de época, imaxes actuais e, por suposto, a intervención de profesionais de distintos ámbitos que ofrecen información e anécdotas de gran interese para conformar a imaxe completa da facultade e da propia titulación, xa que a narración sobre o actual edificio enmárcase na historia dos estudos de Medicina na universidade compostelá, que datan de 1648. 




Destacadas figuras da docencia e da sanidade galegas así como historiadores, expertos en arte e arquitectos explican a historia da facultade e da medicina compostelá do último século, aínda que o documental comeza coa propia creación da Universidade de Santiago nos albores do século XVI e da propia titulación de Medicina século e medio despois. O pase previo do filme, que emitirá proximamente a Televisión de Galicia, terá lugar este martes 18 de xullo, ás 20:00 horas no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago e será presentado polo seu decano, o Dr. Juan Gestal.