Un libro repasa a historia da Facultade de Medicina a través das personalidades que a visitaron nos últimos 80 anos

19 · xuño · 2017

Trátase dunha edición facsímile do Álbum de visitas da facultade comentada polo decano Juan Gestal, que desvela quen son os autores das firmas e o motivo da súa estancia en Compostela.  

A Universidade de Santiago de Compostela presenta este xoves, 22 de xuño, unha publicación moi especial. Trátase do Álbum de visitas da Facultade de Medicina de Santiago 1933-2016, un libro que recompila todas as intervencións plasmadas no libro de firmas da facultade compostelá ao longo de 83 anos, practicamente desde a inauguración do emblemático edificio da rúa San Francisco. A presentación desta particular historia da Facultade de Medicina coincide coa posta en marcha dos trámites para construír a nova facultade na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), polo que supón un broche de ouro para a historia da que foi a primeira facultade propia de Medicina da USC pero tamén un recoñecemento a unha titulación con case 400 anos de historia en Santiago. 




Este Álbum de visitas é un facsímile comentado do libro de firmas da facultade, polo que, ademais de reproducir as dedicatorias e firmas orixinais que deixaron personalidades internacionais de primeiro nivel, a publicación inclúe textos e fotos que explican quen é cada un e por que visitou a facultade.

O responsable deste magnífico traballo é o actual decano da Facultade de Medicina, o Dr. Juan J. Gestal, quen levou a cabo durante o último ano un inxente labor de documentación que agora ve a luz nesta coidada edición que o propio decano presentará en compaña do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, autores ambos os dous dos prólogos do libro.

Precisamente a rúbrica do presidente autonómico aparece en dúas ocasións neste libro que se completaba a finais do pasado ano coas firmas da comisión encargada de seleccionar o proxecto de construción da nova facultade. Atrás quedaban máis de 80 anos de historia, desde aquel 2 de decembro de 1933 en que o decano Antonio Novo Campelo “tivo a xenialidade de abrir un álbum de visitas da Facultade de Medicina”, explica o Dr. Juan Gestal.

Premios Nobel, xefes de Estado e médicos ilustres

Entre os asinantes hai varios premios Nobel, como o portugués Egas Moniz ou o español Severo Ochoa así como destacadas personalidades da medicina nacional e internacional, políticos e xefes de Estado, como Francisco Franco –e a súa muller Carmen Polo– con motivo da visita realizada o 25 de xullo de 1954, ano santo, para realizar a ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o Hostal Parador e o Hospital Clínico de Galeras, Dona Sofía ou José Mújica, presidente de Uruguai.

Personalidades do ámbito universitario, cultural e social completan unha lista de 200 firmas que supón un “bo resumo dos case cen anos de historia da Facultade de Medicina de Santiago”, indica o decano, que asegura “ter gozado buscando a información e escribindo este Álbum de visitas, pese ao enorme esforzo de investigación que supuxo, tanto para identificar algunhas das firmas como para encadralas no seu contexto histórico”.

Para iso non só tivo que acceder aos arquivos da propia facultade e “á memoria de moitas familias médicas de Santiago”, senón tamén realizar un exhaustivo labor de documentación a través da hemeroteca de diarios como El Correo Gallego ou La Voz de Galicia. Grazas a iso, non só conseguiu desvelar a identidade de practicamente todos os presentes no libro e o porqué da súa visita á facultade, senón que, en moitos casos, puido incluír fotografías que enriquecen notablemente o traballo final.