A Facultade de Medicina acolle a presentación de "Hojas para el recuerdo"

15 · decembro · 2016

O salón de graos da Facultade de Medicina da USC acolle hoxe, xoves, ás 19:30 horas, a presentación do libro "Hojas para el recuerdo", que conmemora o primeiro centenario da publicación cume do doutor Roberto Nóvoa Santos, o seu prestixioso Manual de Patología General.

Trátase dun traballo coordinado polo doutor Fernando Ponte Hernando, médico e profesor de Historia da Ciencia na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, para a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

No acto participarán, ademais do coordinador da obra, o Dr. Ponte Hernando, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Gestal, entre outros. 

Hojas para el recuerdo é unha recompilación de diversos artigos de diferentes autores publicados entre 1947 e 2016 sobre a figura de Nóvoa Santos. Unha parte está baseada nas Figuras da Universidade Compostelá, que publicou Antonio Rodríguez Cadarso en El Correo Gallego nos anos oitenta, pero tamén hai achegas tan significativas como as de García Sabell, Marañón, Laín, Varela Jácome, os irmáns Jaso, a filla de Nóvoa, Veiga Díaz e moitos máis coñecidos, discípulos e estudiosos da figura do profesor Nóvoa Santos.