Vigo acolleu hoxe a presentación da terceira novela da serie VICVS

10 · decembro · 2020

Un lugar afastado completa a triloxía VICVS, a serie de novela negra ambientada na Cidade Olívica. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta Marta Fernández-Tapias presentaron hoxe a nova entrega acompañados do autor, Beto Luaces.




"Vigo é o escenario desta novela negra que xa ocupa os primeiros postos dos libros máis lidos e vendidos na cidade, nunha trama que mestura realidade e épica, que recupera a coñecida figura de Alfonso Graña, un galego de Avión que, como tantos, partiu á emigración na busca dunha vida máis próspera e se chegou a converter, nin máis nin menos, que no rei dos xíbaros”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística na presentación desta mañá.

O acto, que tivo lugar na delegación da Xunta de Galicia en Vigo, contou tamén coa presenza da delegada territorial. Marta Fernández-Tapias puxo en valor "o destacado papel de Vigo como escenario da triloxía, que leva aos lectores e lectoras a facer un percorrido pola nosa cidade, polos nosos principais enclaves e elementos arquitectónicos máis característicos".

A presentación concluíu cunha visita ao edificio Mülder, no que se sitúa a propia casa de Manuel Peixoto, o protagonista principal da saga e que forma parte da historia case como un personaxe máis, ao igual que moitos outros lugares emblemáticos de Vigo, como a estación marítima, o Hotel Bahía, o peirao de trasatlánticos ou o casco vello. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou que a próxima primavera faranse rutas literarias por Vigo para coñecer máis o universo VICVS e tamén encontros con diversos grupos para "dar a coñecer e difundir a inmensa riqueza da nosa contorna e da nosa cultura". 

Triloxía de novela negra viguesa

Un lugar afastado completa a triloxía VICVS, un dos referentes da nova novela negra viguesa, e toma como punto de partida a figura do rei dos xíbaros, o ourensán Alfonso Graña: a aparición dunha cabeza reducida na casa natal do rei dos xíbaros no Suído desencadea unha investigación que atenta contra a nova familia do detective Manuel Peixoto.

O autor vigués Beto Luaces completa así a triloxía iniciada en 2017 con Un lugar do común e ampliada en 2019 con Un lugar aquelado, dous volumes con grande éxito de crítica e acollida na denominada novela negra viguesa. O primeiro dos títulos foi o libro máis prestado na Biblioteca Pública de Vigo no ano 2018; un éxito que revalidou ao ano seguinte no segundo posto dos libros máis prestados deste centro e que ampliou durante 2020 encabezando a lista dos máis vendidos en galego en Vigo. Arestora van, respectivamente, pola terceira e segunda edición. 

Nesta última entrega da triloxía Beto Luaces volve botar man dun feito real, a historia de Alfonso Graña, rei dos xíbaros, un veciño de Avión que emigra a América e acaba converténdose no rei dos xíbaros, unha tribo coñecida por practicar un costume tan feroz e macabro como é redución de cabezas. E isto é precisamente o que atopan uns sendeiristas na casa natal de Alfonso Graña en plena serra do Suído que, unha vez máis, volve estar presente na historia dándolle un carácter "máis rural" á novela negra. Así o explicou o autor esta mañá ao asegurar que quería fuxir "da novela negra estritamente urbana e a serra do Suído, que coñezo ben por razóns familiares, era perfecta para contrapoñer á cidade de Vigo". 

Beto Luaces asegurou que "chegar á triloxía é unha recompensa a moito traballo" e agradeceu "o apoio de moita xente que colaborou para que isto fose posible e, especialmente, á Editorial Bolanda que o fixo realidade".