A Fundación Xosé Neira Vilas conmemora cun emotivo acto o cuarto cabodano do pasamento do autor

27 · novembro · 2019

A Fundación Xosé Neira Vilas celebrou este martes na localidade de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, un emotivo acto para conmemorar o cuarto aniversario do pasamento do autor, falecido o 27 de novembro de 2015.




Os actos comezaron cunha ofrenda floral no cemiterio de Gres, onde repousan os restos do autor e da súa muller, Anisia Miranda. Entre os asistentes estaban un grupo de alumnas e alumnos do CEIP do Foxo (A Estrada), o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; Fernando Redondo Neira, da Fundación Xosé Neira Vilas e Antonio Couto da editorial Bolanda, que presentou unha nova biografía do autor destinada, precisamente, a que as novas xeracións, coñezan a figura do autor.

O libro Xosé Neira Vilas. Vida e obra inclúe unha revisión áxil pero completa pola figura de Neira pero tamén un amplo álbum fotográfico que permite non só achegarse á figura do autor senón a varios escenarios históricos das últimas décadas, que suporán todo un descubrimento para os máis novos. “A de Neira é unha obra que percorre a segunda metade do século XX e as dúas primeiras décadas do XXI, mais aquilo que escribiu segue a falar de nós e da realidade que habitamos”, explica Fernando Redondo Neira no prólogo do libro.

Audiocontos para coñecer a tradición oral dos cinco continentes 

A publicación inclúe ademais un código que permite descargar outra obra senlleira do autor, Contos vellos para rapaces novos, en formato audiolibro. O primeiro conto puido escoitarse esta mañá na Fundación, onde tamén tivo lugar unha pequena representación teatral a cargo das nenas e nenos do colexio estradense.

O editor Antonio Couto explicou que o formato de audio para a obra que reeditou Bolanda tan só uns meses despois do pasamento do autor “é a mellor homenaxe que se lle pode facer a Pepe Neira no aniversario do seu pasamento pero tamén a mellor forma de achegar ás novas xeracións a súa obra sen desvirtuar a orixinal, posto que os contos recompilados por Neira Vilas neste libro son, xustamente, historias que foron pasando de xeración en xeración –en moitos casos durante séculos– a través da tradición oral”.