ACTUALIDADE

Un debate necesario sobre o mundo rural

26 · xuño · 2018

Mañá preséntase en Allariz Revoltando á terra un libro colaborativo co que varios investigadores da rede ReVOLTA de agroecoloxía intentan fomentar o debate sobre o mundo rural e agrario actual. 

Este mércores 27 de xuño ás 19:00 h terá lugar a presentación do libro Revoltando á terra no salón de plenos do Concello de Allariz, o lugar onde se reuniron nove investigadores da rede ReVOLTA de agroecoloxía para elaborar de forma colectiva este traballo que pretende favorecer un debate necesario sobre o mundo rural hoxe en día. Para iso botaron man do book sprint, un método que racha coa tradicional redacción de textos por separado e procura a intelixencia colectiva dos “Investigadores da Aldea” que participaron neste experimento.

Un debate necesario sobre o mundo rural
Edición

Os co-autores da obra son Xoan Carlos Carreira, Emilio Carral, Beatriz Corbacho González, Francisco Javier López González, Edelmiro López Iglesias, Teresa Rodríguez López e Xavier Simón, ademais de Fran Quiroga e Lourenzo Fernández Prieto que actuaron tamén como coordinadores.

Ambos os dous, xunto coa profesora da USC Teresa Rodríguez e a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, estarán na presentación, que irá acompañada dunha conversa sobre “O rural hoxe en día”, tema do libro no que, ademais de aportar un novo marco teórico, os autores expoñen unha selección de experiencias innovadoras.

A publicación

Tal como explican os autores no limiar, a obra consta de catro capítulos. No primeiro faise unha diagnose da situación actual, tanto a nivel mundial como europeo e galego. Existen problemas xerais mais tamén outros específicos que van requirir respostas específicas. O segundo capítulo establece o marco teórico no que debería desenvolverse o modelo agrario. O terceiro analiza as potencialidades do noso rural de cara a enfrontar os novos tempos e o cuarto recolle as leccións aprendidas e as que non nunha reflexión final.

A publicación remata con dez experiencias produtivas innovadoras que teñen abrollado no pais ao longo dos últimos anos e que poden servir de exemplo para seren replicadas noutros contextos. Unha interesante revisión do mundo rural e agrario de plena actualidade.

GALERÍA