A Dra. Cano recolle o Premio Ramiro Carregal que anuncia importantes novidades

30 · maio · 2018

O Dr. Rafael López, presidente executivo do Xurado, anunciou un incremento da contía do galardón até os 20.000 euros e a creación dun novo Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica.

A Dra. Amparo Cano García, catedrática do Departamento de Bioquímica da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), recolleu este martes en Santiago de Compostela o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal. O empresario arousán entregoulle o galardón nun acto presidido polo xefe do Executivo galego e en presenza de numerosos investigadores e oncólogos de todo o país que quixeron acompañar a primeira muller que recibe este premio no seus sete anos de existencia.




Un feito relevante ao que se suman outras destacadas novidades que entrarán en vigor na próxima convocatoria prevista para este outono e que deu a coñecer neste acto o presidente executivo do Xurado e xefe de Oncoloxía médica do Chus, o Dr. Rafael López López. Trátase dun aumento da contía económica deste Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, que pasa dos 15.000 aos 20.000 euros, e a convocatoria dun novo galardón, o Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, dotado con 6.000 euros. Un galardón que pretende “pór en valor o traballo dos investigadores máis novos e servir de estímulo para que continúen o seu traballo”, tal como explicou o Dr. López, quen agradeceu en nome de toda a comunidade científica “a solidariedade e implicación do empresario Ramiro Carregal coa investigación médica”.

Tamén o director territorial de HM Hospitales, Rafael Silva, destacou “o firme compromiso” do empresario con esta iniciativa que unha década despois da súa posta en marcha “non só mantense senón que se reforza”, así como o éxito da “colaboración público-privada” nun proxecto que “redunda en beneficio de toda a sociedade”. O empresario, pola súa banda, pediu “máis axuda para a investigación” e felicitou á premiada por un galardón “máis que merecido” por unha “longa e frutífera traxectoria que abriu novas portas ao coñecemento e tratamento do cancro”. Para a premiada e para Ramiro Carregal foron as felicitacións e a admiración do presidente da Xunta. "Xa me gustaría a min aumentar os presupostos da Xunta como aumenta Ramiro os seus premios" dixo Feijóo para referirse a continuación á “galeguidade expansiva” do empresario, “que o obriga a compartir e formar parte de proxectos ambiciosos como este galardón”. Así mesmo, puxo de relevo a existencia “dunha comunidade científica que supera cada día fronteiras que parecían inalcanzables”, e destacou a traxectoria da galardoada –“autoridade mundial na investigación oncolóxica”–, como “unha expresión magnífica de amor ao xénero humano”. 

Marcadores de progresión en cancro

A premiada, que dedicou o premio ao seu marido falecido “un galego de Ferrol que lle ensinou a amar esta terra”, explicou nunha breve conferencia a súa traxectoria científica con especial atención a algúns dos “principais fitos en oncoloxía”, como son a caracterización de Cadherina-E como marcador de progresión de carcinomas e a identificación de mecanismos de represión de Cadherina-E e de factores que inducen o proceso de transición epitelio-mesénquima (TEM), e a súa relevancia para a metástase, a capacidade que teñen as células tumorais de diseminarse polo organismo e invadir órganos diferentes ao de orixe.

A grandes liñas, a transición epitelio-mesénquima é o conxunto de modificacións celulares e moleculares que dan lugar a este proceso e o seu desenvolvemento foi tan relevante que o Dr. López definiuno como “un dos campos de investigación máis importantes e prometedores no ámbito oncolóxico”. Pero non é o único. A Dra. Cano trazou tamén as novas liñas de traballo ao redor da identificación e caracterización de novos marcadores prognóstico-preditivos de progresión e metástase tumoral.