ACTUALIDADE

O lado escuro da tradición oral galega en doce relatos

26 · xaneiro · 2018

Tabaré Santellán artella en Rumores baixo o luar doce historias de terror e fantasía onde están moi presentes elementos da tradición oral galega.

Baixo o suxestivo título Rumores baixo o luar. Relatos do lado escuro do folclore Tabaré Santellan Brey presenta doce historias baseadas en vellas lendas e personaxes que conforman o folclore galego reinterpretados desde “un novo prisma”.

O lado escuro da tradición oral galega en doce relatos
Edición

Un proxecto que xurdiu primeiro en forma de ilustración e se converteu despois en libro, tal como explicou o mozo na presentación do mesmo celebrada na Fundación Eugenio Granell, na que desenvolveu as súas prácticas de máster e onde obtivo gran parte da documentación necesaria para que esta obra vise a luz.

Autor por tanto dos textos e as ilustracións, Tabaré asegurou sentirse moi satisfeito co resultado desta obra que recorre á mitoloxía un campo que lle atrae desde neno pero desde un punto de vista galego. “Era algo que tiña moitas gañas de abordar e por fin puiden facelo a través do Inktober, unha proposta que vén de 'tinta' e 'outubro' e consiste en facer un debuxo cada día dese mes”, explicou o autor. Con esa escusa naceu o “bestiario galego” que deu lugar despois ás historias e finalmente a este Rumores baixo o luar, a primeira obra dunha “vida nova da que cabe esperar brillantes froitos”, tal como asegura o catedrático José Manuel García Iglesias no prólogo do libro. 

GALERÍA