ACTUALIDADE

O Obra xa ten o seu "gran libro"

12 · decembro · 2017

O xornalista Xabier Sanmartín asina "o gran libro do Obradoiro", unha publicación de gran formato con entrevistas, datos, anécdotas e un impresionante álbum gráfico que permite percorrer a historia dun club que vai máis aló do deportivo. O libro presentarase este mércores 13 de decembro, ás 18 h en Tiro Libre Scq, a tenda oficial do Obra. 

A historia dun club de baloncesto único contada con testemuños, datos, anécdotas e imaxes”. Así resume o seu autor, o xornalista Xabier Sanmartín Cuevas, o contido de El gran libro del Obradoiro, a publicación á que dedicou “moitos días e noites” nos últimos anos e que presentará este mércores 13 de decembro na tenda oficial da Obra, Tiro Libre Scq, no número 11 da rúa Ramón Cabanillas de Santiago. Xunto co autor estarán o director xeral do Monbús Obradoiro, José Luis Mateo, o seu adestrador, Moncho Fernández; Jacobo Bermejo, de Tórculo Comunicación Gráfica, responsable da impresión e o editor Antonio Couto, de Bolanda.

O Obra xa ten o seu
Edición

O libro, de gran formato con tapas duras e enorme impacto visual –inclúe máis de 200 fotografías, moitas delas inéditas–, percorre a historia do club desde os seus inicios até o momento actual. Para iso o autor configurou catro grandes bloques. O primeiro comeza en 1970 co nacemento do Obradoiro “moito máis que un club”, tal como reza o título deste apartado no que se lembra desde aquel primeiro “ximnasio con balcón” no que xogaba o equipo até a chegada de “os americanos e Saint Johns”, o “case ascenso en Canarias e a visita de Tkachenko” ou o nacemento da Primeira B, entre outras cousas.

O segundo bloque comeza en 1980 e vai “Do ceo de Mataró ao inferno de Murcia”, onde se inicia o terceiro bloque, que vai de 1990 a 2009 co clarificador título “A canastra que rebota 7.079 días en aros da xustiza”. E é que no curso 1989-1990 “a afección do Obra descobre que no deporte non todo sucede dentro da cancha”. Refírese, como toda a cidade lembra, ao descenso acontecido en 1990 ante un Murcia “que emprega trampas extradeportivas” e ante “unha Xustiza ditando sentenza a ritmo de tartaruga”. Tanto que o Obra “non volverá á ACB, sitio que lle corresponde segundo os tribunais, até o outono de 2009, máis de sete mil días despois de que o Gallo Pérez xogase cun pasaporte falso”, lembra o autor. A partir de aí a expulsión de Primeira B con toda a cidade envorcada co seu equipo até o curso que acaba en descenso pero ve “rebrotar a ilusión e a chegada do miudiño”. Estamos en 2009-2010.

O Obra renace

E en 2011 iníciase o cuarto bloque: “O Obra renace en LEB Ouro e gáñase o respecto en ACB”, no que se abarca o 40 aniversarios do club, o ascenso en Burgos que “ten por alma a un adestrador de Pontepedriña”, o blues dun pianista chamado Kendall, o inicio dun merecido refacho en ACB, a chegada da “marea do Miudiño á Copa do Rei da Coruña” o pasado ano e algúns matices da actual tempada. En total, 45 anos de historia de “un dos clubs máis queridos de España arroupado por unha afección que o dá todo”. 

GALERÍA