Beto Luaces dá a coñecer a súa primeira obra, "unha novela negra viguesa"

27 · novembro · 2017

VICVS, un lugar do común foi presentada na Libraría Cartabón de Vigo polo seu autor, Beto Luaces.  

Senén Barreiro, un arquitecto vigués de cincuenta anos en plena crise persoal, pasa a Noiteboa cos seus pais, por primeira vez sen a muller e os fillos que, tras a separación da parella, cean na casa dos avós maternos. Esa noite recíbese unha chamada dun vello amigo dos pais, de cando emigraran a Venezuela, pedindo axuda. O pai de Senén promete axudalo e manda o fillo a Caracas cun libro na man: a primeira edición dunah obra que foi moi polémica na historia da literatura galega do pasado século. A partir de aquí Senén irá descubrindo segredos familiares ligados a algunhas historias da emigración galega en Caracas completamente descoñecidos para el e nos que, case sen querelo, se verá inmerso ata pór a súa vida en serio perigo. 




Esta é, a grandes rasgos, a trama de VICVS. Un lugar do común, a primeira novela de Beto Luaces, un funcionario xudicial de Vigo que situou a historia en escenarios ben recoñecibles para el, como son a propia cidade de Vigo, o mundo da emigración ou a “poderosa e descoñecida Serra do Suído, nunca antes utilizada de maneira literaria e cun gran potencial, como poderán descubrir na novela”, asegurou o autor na presentación realizada este venres na libraría Cartabón de Vigo. Alí estivo acompañado por Teresa Rocamonde, de Edicións Bolanda, quen asegurou que “a novela engaiola desde as primeiras liñas, cunha narración trepidante e unha historia fascinante, a cabalo entre a realidade e a ficción, que levan a lela case do tirón, malia pasar das 430 páxinas”.

Este foi o motivo que levou a Edicións Bolanda a apostar pola obra deste escritor novel que, sendo unha historia pechada e completa, supón o primeiro volume dunha serie na que xa está a traballar Beto Luaces, quen define VICVS como “unha saga, urbana e local” e este libro en concreto como “a gran novela viguesa, con todas as precaucións”. “Unha novela negra que, ao igual que os vigueses, desenvolve a súa trama entre a cidade e a aldea”.

Certamente, a cidade de Vigo e a súa arquitectura, configúranse como un protagonista máis desta magnífica obra que serve para recuperar a memoria doutra que representa unha das xoias da nosa literatura, ese Viaxe ao país dos ananos no que Celso Emilio Ferreiro denunciou en 1968 os fraudes e as malas prácticas de certos sectores da emigración galega en Venezuela que chegaron a controlar a Hermandad Gallega e mesmo o expulsaron da organización polas súas críticas. Un libro clave para a literatura galega pero tamén para comprender unha etapa moi descoñecida da nosa historia e que nesta novela dá un sustento real á trama ficticia facéndoa moito máis verosímil e fascinante.