ACTUALIDADE

Manuel F. Rodríguez presenta "A viaxe á fin do mundo" en Negreira

09 · novembro · 2017

A Casa da Cultura de Negreira acolle este venres 10 de novembro, ás 20:00 h, a presentación da novela A viaxe á fin do mundo, de Manuel F. Rodríguez. O acto está aberto a toda a veciñanza de Negreira e comarca.

Manuel F. Rodríguez, xornalista, escritor e técnico de Cultura da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia, presenta este venres no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira (Carreira de San Mauro, 11), a súa novela A viaxe á fin do mundo. Canda o autor, intervirán no acto o historiador barcalés, X. Amancio Liñares Giraut; o historiador do Xacobeo, Francisco Singul e mais o alcalde do Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez.

Manuel F. Rodríguez presenta
Edición

A novela relata o roubo en 1906 na basílica compostelá da cruz de Afonso III, unha cruz grega do século IX de ouro e xemas, un suceso que nunca se resolveu. A prensa apenas tratou o sucedido, malia supoñer a perda da ofrenda máis antiga ao apóstolo Santiago e a máis venerada polos peregrinos. En 1921, o misterio aumenta ao arder o retablo de onde desaparecera. Foi un feito insólito e non aclarado e, coma o roubo, axiña esquecido. Só alguén en Santiago, un xornalista, quererá respostas. Non tanto por afán profesional como polo xeito en que estes sucesos condicionarán, sen piedade, a súa vida.

Esta procura levarao a cruzarse, de xeito traumático, con outras buscas non menos determinantes. Procuras que aos cen anos do roubo volverán con insospeitadas consecuencias. A crave estará na viaxe metafórica e real ao finis terrae máis mitificado polos europeos a través dos séculos.

A viaxe á fin do mundo é unha historia de interminable misterio onde o amor e a morte, únense para facer de cada pregunta a resposta