Un documental narra a historia da Facultade de Medicina de Santiago

19 · xullo · 2017

O documental "O templo de Galeno. Historia dun símbolo" recolle os principais fitos da facultade e da medicina compostelás no último século. 

O decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago, Juan Gestal, presentou o pase previo do documental O templo de Galeno. Historia dun símbolo producido por Edicións Bolanda para a Televisión de Galicia. 




Case dous centenares de invitados asistiron á proxección do filme que repasa a historia da que foi a primeira sede propia da Facultade de Medicina da USC no salón de actos do propio edificio da rúa San Francisco, en pleno casco histórico compostelán. Alí permanece desde a súa inauguración en 1928 “e todo fai indicar que deixará de estar en catro ou cinco anos, segundos os prazos do novo proxecto presentado recentemente”, tal como recordou na presentación o propio decano.

Precisamente a idea deste documental xurdiu tras o inicio dos trámites para construír unha nova facultade na zona da Choupana e “como homenaxe a todo o persoal, alumnado e profesorado que ao longo de case un século fixo desta Facultade de Medicina unha das máis prestixiosas do mundo”, aseguraron desde a produtora.

O documental desvela, ao longo de 45 minutos, o devir do actual edificio –e por extensión da medicina compostelá do último século–, para o que conta con documentos históricos, fotografías de época, imaxes actuais e, por suposto, a intervención de profesionais de distintos ámbitos que ofrecen información e anécdotas de gran interese para conformar a imaxe completa da facultade e da propia titulación, xa que a narración sobre o actual edificio enmárcase na historia dos estudos de Medicina na universidade compostelá, que datan de 1648.

Intervencións no documental

É precisamente o actual decano da Facultade, o Dr. Juan Gestal Otero, quen explica estes inicios da titulación en Santiago así como a xénese tanto do actual edificio como do proxecto previsto para o Campus Vida. O Dr. Xosé Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia fala da sona médica de Santiago, a famosa Fonte Limpa, como xerme do prestixio actual da titulación.

O catedrático de Anatomía Javier Jorge explica o papel desta disciplina fundamental nos estudos; a profesora xubilada Carmen Porto fala de como cambiou o papel da muller na universidade e na medicina, mentres que os doutores Joaquín Potel e Sánchez Salorio explican que supuxo o peche do Hospital Real –actual Hostal dos Reis Católicos– tras case catro séculos, para pasar aos novos hospitais de Galeras e, máis tarde, ao de Conxo e ao novo Clínico.

O doutor Avelino Franco fala do Museo Nacional de Anestesia que el mesmo puxo en marcha e que terá un espazo destacado na nova facultade, mentres que os doutores Carlos Diéguez  e José Castillo falarán do CIMUS e do IDIS, dous centros de investigación ligados á Facultade e que son hoxe en día punteiros no mundo. Como tamén o é o Instituto de Medicina Legal e a persoa que o puxo en marcha, o Dr. Ángel Carracedo recoñecido internacionalmente. Outro dos nomes destacados da actual medicina compostelá é o do catedrático de Ortodoncia David Suárez Quintanilla, quen explica a importancia da incorporación dos estudos de Odontoloxía como titulación independente.

Ademais destes grandes nomes da medicina, no documental participan outros expertos como o catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias que fala da pinacoteca da facultade; o arquitecto Xerardo Estévez, que explica as peculiaridades e anécdotas ligadas á construción do actual edificio e o historiador Ricardo Gurriarán, que fai un percorrido pola historia máis triste da facultade, a referida á guerra civil e á posguerra.

Todos eles son só unha pequena representación dos centenares de nomes ligados durante o último século á Facultade de Medicina compostelá, moitos dos cales estiveron neste pase previo do filme que pronto se poderá ver na Televisión de Galicia.