Presentación da nova obra póstuma de Xosé Neira Vilas

05 · xullo · 2017

Os papeis do vello mariñeiro preséntase este xoves 6 de xullo, ás 20:00 h, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago.  

O secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, o profesor e secretario Real Academia Galega Henrique Monteagudo, o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas Luís Reimondez e o editor Antonio Couto, presentarán o libro de relatos do autor crucense falecido en 2015.  




Trátase dun conxunto de relatos nos que o autor cambia a súa amada terra galega polos mares do mundo. Unhas historias que o autor recompilou de varios mariños mercantes galegos e que agora ven a luz no libro Os papeis do vello mariñeiro.

Máis de 60 relatos compoñen esta publicación de 88 páxinas encadernada en tapa dura con papel craft, o que lle confire unha grande orixinalidade. Cada texto de Neira Vilas acompáñase dunha evocadora ilustración de Alberto Fernández, autor tamén da imaxe da portada. Unha nova obra dun dos autores máis laureados da literatura galega que está xa nas librarías galegas.