ACTUALIDADE

Preséntase na Facultade de Medicina o libro "Oncología Integrativa II"

29 · xuño · 2017

O doutor Salvador Ramos, un dos coordinadores do libro Oncología Integragiva II asegurou na presentación do mesmo que "aínda queda moito camiño por percorrer" para ofrecer plans de tratamento "centrados no paciente".  

O Dr. Ramos indicou que “se fala con moita frecuencia de tratamentos personalizados en oncoloxía, cando en realidade son tratamentos individualizados, baseados nas características biolóxicas peculiares de cada tumor". E aínda que "nese campo os avances son notables, dista moito dun tratamento que atenda de maneira global á persoa afectada”. Estas foron algunhas das conclusións que expuxo onte un dos coordinadores do libro Oncología Integrativa (II). Integrando otras miradas en el proceso de atención a pacientes oncológicos. na presentación que tivo lugar na Facultade de Medicina de Santiago. 

Preséntase na Facultade de Medicina o libro
Edición

No acto participaron tamén o director da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e decano da facultade de Medicina, Juan Gestal e os vicerreitores de Internacionalización, Almudena Hospido, e de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López., así como a profesora Lourdes Vázquez, directora –xunto co Dr. Ramos– do curso de verán da USC sobre Oncoloxía Integrativa que cada ano se celebra nun centro termal da comunidade, e cuxas intervencións o pasado verán recolle esta publicación.

A Oncoloxía Integrativa refírese a un proceso de atención que integra o paciente como centro e protagonista fundamental, coidando "todas as dimensións da persoa, é dicir, corpo, mente e sociedade", explicaron os editores na presentación. Isto inclúe a un equipo "cada vez máis interdisciplinar de profesionais que deben actuar de forma coordinada": médicos, enfermeiros, nutricionistas, psicólogos, fisioterapeutas e preparadores físicos, sociólogos, terapeutas ocupacionais, educadores… 

As medicinas e terapias complementarias

Os doutores quixeron deixar claro que se trata de combinar "a medicina convencional coas prácticas da medicina complementaria e alternativa que teñen demostrado seren eficaces, co fin de aportar ao paciente unha atención e un tratamento máis completo". Estes medicamentos e terapias "úsanse asociados ao tratamento médico convencional como medida de soporte para o control dos síntomas, a melloría da calidade de vida e a contribución á saúde global do enfermo, tanto na dimensión física como na emocional".

Os editores aseguran que "entre un 35 e un 60% dos pacientes oncolóxicos recorren a medicinas e terapias alternativas ao longo da súa enfermidade, a maioría das veces sen comunicarllo ao seu oncólogo", de aí a necesidade e a importancia de abordar este aspecto, algo que xa se está a facer "nos máis prestixiosos centros oncolóxicos do mundo". O obxectivo é que os pacientes teñan "información científica e seria de cara a discernir entre o que poden e non poden facer”, destaca o Dr. Ramos.

A alimentación e o exercicio, piares da prevención, tratamento e supervivencia

Na publicación recóllense os factores de risco da enfermidade, o proceso de coidar a persoas afectadas por cancro, as necesidades do paciente como base do coidado e a toma de decisións compartidas. Tamén se fai referencia á medicina natural, a fisioterapia, a talasoterapia e o tratamento con augas mineromedicinais. Incídese na importancia da alimentación e o exercicio físico como piares fundamentais na prevención, tratamento e supervivencia da enfermidade. E préstase unha atención particular ás necesidades especiais do cancro na infancia e na adolescencia.

O libro trata ademais o impacto do cancro no ámbito laboral e o retorno ao traballo despois da enfermidade; así como o impacto na imaxe persoal, na sexualidade e na fertilidade, entre outros moitos aspectos.

GALERÍA