Integrando todas as miradas na Oncoloxía

27 · xuño · 2017

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia edita unha publicación que reúne os relatorios presentados no Curso de verán da USC “Oncoloxía Integrativa II”.

Os avances logrados nos últimos anos no campo da oncoloxía integran, ademais da oncoloxía convencional, terapias complementarias que demostraron a súa eficacia á hora de mellorar a calidade de vida do paciente durante e despois do tratamento. Por iso comezou a falarse de Oncoloxía Integrativa, a que “integra outras miradas no proceso de atención a pacientes oncolóxicos”. Esas miradas diríxense, entre outros ámbitos, á alimentación, ao exercicio físico, á balneoterapia ou á atención psicolóxica, todo co fin de ofrecer esa atención individualizada capaz de responder as necesidades de cada paciente.

Todo isto analizouse nuns relatorios presentados no Curso de Verán da USC “Oncoloxía Integrativa II: integrando outras miradas no proceso de atención a pacientes oncolóxicos” celebrado o pasado mes de xullo e que se recollen no libro do mesmo título coa intención de difundir aquelas prácticas alternativas con maior rigor científico e que demostraron a súa eficacia á hora de ofrecer un tratamento máis completo e integral ao paciente con cancro.

Os directores desta publicación, os doutores Salvador Ramos e Lourdes Vázquez, lembran que o cancro é “un problema socio-sanitario de gran magnitude” cuxas necesidades asistenciais van “máis aló de ofrecer os mellores procedementos diagnósticos e terapéuticos posibles”. Na actualidade ninguén cuestiona a necesidade de abarcar “todas as dimensións da persoa no proceso de atención” co apoio dun equipo multidisciplinar que actúe de forma coordinada e contemple aqueles aspectos do que hoxe se denomina Medicina Alternativa e Complementaria “que demostren a súa utilidade”.

Isto é o que trataron de analizar no curso de verán e neste libro no que, ao longo de 22 capítulos, se tratan cuestións como a relación entre a alimentación e o cancro; o papel do exercicio físico nestes pacientes; calidade de vida e benestar; medicina integrativa no paciente oncolóxico; programa de autocoidado do profesional en cancro; vida sexual, infertilidade ou análise crítica das campañas contra o cancro de mama, entre outros moitos aspectos.

Importante papel dos balnearios

Un dos máis relevantes é o referente ao papel da “balneoterapia” nos coidados ao enfermo tras pasar un cancro, un “novo campo da Oncoloxía integrativa” no que o Dr. Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, anima a participar tanto a pacientes como aos propios balnearios, debido aos bos resultados que mostraron estes programas na recuperación dos pacientes unha vez pasada a fase aguda da enfermidade e dos tratamentos “minimizando as súas dificultades a nivel físico e social, favorecendo a súa plena integración nas actividades cotiás laborais e sociais e formándoos e capacitándoos para o autocoidado e a adopción de estilos de vida saudables que permitan reducir complicacións e recaídas”.

Presentación na Facultade de Medicina

A presentación do libro terá lugar este mércores, 28 de xuño, ás 19:30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Medicina. Participarán na mesma os doutores Lourdes Vázquez Odériz e Salvador Ramos Rey; o profesor Juan Gestal, decano da Facultade de Medicina; e os vicerreitores de Internacionalización e de Oferta docente e Innovación educativa, Almudena Hospido e Roberto Javier López, respectivamente e Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia.