ACTUALIDADE

Alumnos do IES Carlos Casares homenaxean o autor nun libro escrito e ilustrado por eles

03 · abril · 2017

As estrelas máis estrelas de todas as estrelas é un libro “en lembranza de Carlos Casares” a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Na obra, “os personaxes de Casares convértense en estrelas que brillan con luz propia na Galaxia Casares”. 

Alumnas e alumnos do IES Carlos Casares de Vigo fixeron un libro en memoria do autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Escrito e ilustrado por eles e editado por Bolanda, está inspirado na propia obra do autor quen, “coma unha galaxia, ofrécenos pistas moi significativas sobre a orixe e evolución do noso propio universo galego”, sinalan os autores. 

Alumnos do IES Carlos Casares homenaxean o autor nun libro escrito e ilustrado por eles
Edición

Así naceu As estrelas máis estrelas de todas as estrelas, título de clara referencia a unha das obras máis coñecidas do autor, no que profesores e alumnos do instituto vigués agrupan “as estrelas de Casares en constelacións, coa finalidade de lembralas para sempre no ceo nocturno”, ao tempo que fan refeferencia á editorial que dirixiu o autor “desde 1986 ata o seu pasamento”.  

“Os personaxes de Casares convértense en estrelas que brillan con luz propia na Galaxia Casares”, explican os promotores da iniciativa, que botaron man de personaxes, situacións e referencias moi vinculadas á obra do autor, como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, A galiña azul, Os escuros soños de Clío, Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán ou a serie protagonizada por Toribio, entre outros.

O texto desta historia é de Lara Pampillón Ubeira –baixo a supervisión de Beatriz Martínez Cordeiro–, mentres que as ilustracións son obra da propia Lara Pampillón xunto con Antía Varela Hermelo, Lois Pérez Gándara, Ian Graziano Carballeira, Irene Lorenzo Hermida e Adrián Molares Comesaña, baixo a supervisión de Almudena Lacomba Maruri. O libro, de 40 páxinas, formato cadrado e tapas duras, pódese adquirir xa nas librarías galegas. 

GALERÍA