Bolanda no catálogo “Libros infantís e xuvenís de Galicia 2017”

31 · marzal · 2017

Nas vésperas do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra o 2 de abril, responsables da Secretaría Xeral de Cultura, de Gálix e da Asociación Galega de Editoras presentaron o catálogo, que difundirá máis de 100 títulos en galego no mercado internacional, 11 deles nosos.    

En total o catálogo reúne 109 títulos en galego publicados no último ano por 23 entidades para os lectores máis novos. Deles, once son de Edicións Bolanda: Do Re Mi Fantasía, Lobishome, O libro dos medos, O zapateiro e o raposo, Quique na aldea e outros seis títulos dos Bolechas.




O catálogo, coeditado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e pola Secretaría Xeral de Cultura, co apoio da Asociación Galega de Editoras (AGE), ten como obxectivo dar a coñecer no mercado internacional as últimas novidades editoriais galegas dirixidas ao público infantil e xuvenil, para o que ofrece información en galego, castelán e inglés de cada obra, que se acompaña con ilustracións.

O catálogo foi presentado con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra o 2 de abril, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente de Gálix, Xosé A. Perozo; o vicepresidente da AGE, Henrique Alvarellos; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Sergio Covelo; e a ilustradora Nuria Díaz.

Un escaparate internacional

As obras de Edicións Bolanda estarán xa a próxima semana na feira máis importante do mundo de literatura infantil e xuvenil, a Feira do Libro de Boloña, xunto coas de Hércules de Ediciones, Baía Edicións, Edicións Xerais de Galicia, Urco Editora, Editorial Galaxia, Alvarellos Editora, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO editora e Bululú Editorial.

Coa publicación do catálogo, que xa está accesible en liña a través da web de Cultura da Xunta de Galicia, e a participación na Feira Internacional do Libro de Boloña, dáse un pulo significativo á difusión e á promoción da literatura infantil e xuvenil galega, a través da apertura de novos mercados no exterior.