ACTUALIDADE

Presentación en Santiago das memorias de Antonio Seoane

23 · marzal · 2017

Edicións Bolanda e Histagra presentaron na Libraría Couceiro o libro de Antonio Seoane "Años de guerra y revolución 1936-1939".

Este mércores, 22 de marzo, presentouse na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela o último título editado en colaboración co grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC. No acto que participaron o profesor e membro de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto, o historiador Carlos Méixome, o editor Antonio Couto e Antón Seoane, familiar do autor, quen definiu a publicación do libro "case como unha obriga moral". 

Presentación en Santiago das memorias de Antonio Seoane
Edición

Dúas singularidades marcan este Años de guerra y revolución 1936-1939: que ve a luz 80 anos despois de ser escrito e que narra a crueldade da guerra cunha perspectiva pouco común en quen a perdeu e a narrou desde o exilio. Así describiu o editor, Antonio Couto, as súas primeiras impresións tras ler a obra deste comandante profesional do exército español con alto mando durante a guerra civil que acaban de ver a luz, "tras moitos anos gardadas e moitos máis intentando publicalas", como recordou Antón Seoane na presentación. 

Un tesouro para historiadores e para as xeracións futuras, como asegura o catedrático Lourenzo Fernández: "Aqueles homes e mulleres escribiron porque viviron un tempo extraordinariamente diferente a todo o que coñeceran antes, un tempo inesperado e dramático, unhas situacións inimaxinabeis que mellor ou peor contadas, reescribiron para si mesmos e, moitas veces, foron lidas polos seus netos máis que polos seus fillos. Humanamente quixeron dar conta do horror, da confusión, da traizón, da anormalidade, da baixeza que unha situación como aquela é capaz de tirar das persoas. Para os historiadores son xoias que nos abren portas no pasado para atopar o que algúns non querían que viramos. Para a sociedade son os seus devanceiros. Politicamente, civicamente son testemuños de liberdade choída".

GALERÍA