Malhechores de España: crónica desde a guerra civil española

02 · marzal · 2017

Unha desgarradora historia sobre a idiotez da guerra, que fai aflorar o peor do ser humano. Un relato aterrador contado en primeira persoa por un protagonista de excepción, o comandante profesional Antonio Seoane Vázquez, que ve a luz case 80 anos despois de ser escrito para deixar constancia do absurdo da guerra, na que nunca hai vencedores. 

En abril de 1940 remataba o comandante Antonio Seone, no seu exilio en Montauban (Francia), Años de guerra y revolución: 1936-1939, a súa crónica da guerra civil. Un relato en primeira persoa de todo o vivido desde o golpe militar do 36 do que o autor foi non só espectador “senón actor directo e consciente, con mando en tropa e cometidos importantes”, tal como sinala no limiar o profesor Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea na USC e un dos responsables de que este libro vira a luz case 80 anos despois de ser escrito. 




Durante todo ese tempo celosamente gardada, esta historia publícase agora enriquecida cunhas imprescindibles reflexións feitas coa perspectiva do tempo así como unha reveladora documentación gráfica, que permite obter unha nova e sorprendente visión dun dos momentos máis tristes da nosa historia.

Asegura o profesor Fernández Prieto que textos coma este, “escritos polos protagonistas” son a expresión “dun tempo no que a democracia republicana que estaba a construírse colmando tantas arelas pendentes foi destruída a sangue e a lume”. “Unha memoria amarga pero que contén a graza da vida e do vitalismo” de Antonio Seoane Vázquez, nacido en Ferrol en 1902 e falecido en Pontevedra en 1981, xa como tenente coronel aínda que desde o seu regreso no 46 nunca volveu á órbita militar.

A súa narración do acontecido nunha das etapas máis negras e cruentas da historia recente do noso país e o sufrimento causado en ámbolos bandos serven ao autor para defender un único ideal, unha utopía tan necesaria hoxe como entón: a paz.