"Hojas para el recuerdo" conmemora o primeiro centenario da obra cume do profesor Nóvoa Santos

16 · decembro · 2016

O libro, editado por Bolanda para a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, recompila artigos publicados entre 1947 e 2016 sobre a vida e obra do Dr. Roberto Nóvoa Santos.

O salón de graos da Facultade de Medicina da USC acolleu onte, xoves, a presentación do libro Hojas para el recuerdo, que conmemora o primeiro centenario da publicación cume do doutor Roberto Nóvoa Santos, o seu prestixioso Manual de Patología General. 




Trátase dun traballo coordinado polo doutor Fernando Ponte Hernando, médico e profesor de Historia da Ciencia na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, para a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

Hojas para el recuerdo é unha compilación de diversos artigos de diferentes autores publicados entre 1947 e 2016 sobre a figura de Nóvoa Santos, pero tamén hai achegas tan significativas como as de García Sabell, Marañón, Laín, Carro Otero, Varela Jácome, os irmáns Jaso, Olga Nóvoa-Santos –filla do profesor Nóvoa–, Veiga Díaz e moitos máis coñecidos, discípulos e estudosos da figura do doutor, nado na Coruña en 1885 e falecido en Santiago en 1933.

Relevancia do Manual de Patología General
O Manual do profesor Nóvoa foi o primeiro libro moderno da Patoloxía xeral, xa que penetra en novas correntes como a fisiopatoloxía, a anatomía patolóxica… Ademais é o primeiro libro que ten un capítulo de psicopatoloxía, aproximadamente 25 anos antes de que o estudo da psiquiatría entrase nas facultades de medicina españolas.

Feitos como este foron destacados polo coordinador da obra, o doutor Ponte Hernando, profesor de Historia da Ciencia na presentación, á que acudiron tamén o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, que prologa este Hojas para el recuerdo, Enrique Giménez, X. Antón Fraga e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Todos eles destacaron a relevancia do profesor Nóvoa Santos e a súa importante achega á medicina de principios do século XX, e desexaron que esta obra sirva para dalo a coñecer a futuras xeracións de médicos e á sociedade en xeral.