ACTUALIDADE

Volvemos á aldea de Neira Vilas no aniversario do seu pasamento

25 · novembro · 2016

A presentación do último libro de Neira Vilas, Quique na aldea, serviu de homenaxe ao autor crucense no primeiro aniversario do seu pasamento, un emotivo e fermosísimo acto no que non faltaron aqueles que máis quería Neira: as nenas e nenos, aos que dirixe esta obra póstuma.

Coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, a Fundación Xosé Neira Vilas organizou un emotivo acto de homenaxe ao autor que serviu tamén para presentar o seu último título, Quique na aldea, unha nova revisión do mundo que tan ben coñecía e con tanta mestría plasmou o autor ao longo de toda a súa vida, como ben recordou o presidente da Fundación Luís Reimóndez. 

Volvemos á aldea de Neira Vilas no aniversario do seu pasamento
Edición

No acto, presidido polo xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, estiveron tamén o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Língüística, Valentín García, entre outras autoridades. Tamén participou Roi Casal, que interpretou un dos temas do seu último traballo, Son galego, son cubano, con letras de Neira Vilas.

Mais os auténticos protagonistas da xornada foron as nenas e nenos do CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas” que cantaron a canción da “xoaniña” nun dos momentos máis emotivos do acto. Tamén estiveron cargadas de emoción as lecturas do primeiro e último poema de Quique na aldea, a cargo de Paio e Lola.

A todos eles se dirixiu o presidente da Xunta para pedirlles algo que lle gustaría a Neira Vilas: “Que leades, que medredes en liberdade e que medredes con coñecemento”. Díxolles o afortunados que son por vivir na aldea: “Hai xente que non tivo a sorte de nacer no rural, como Quique” e como o propio Neira Vilas, unha persoa que “nunca se esqueceu da súa aldea, nin de Gres, nin de Galicia”. Tamén tivo palabras de recoñecemento para a ilustradora, Olaya Naveira, que captou a perfección a esencia de cada un pequenos relatos do autor. 

Quique na aldea

Quique non é un neno labrego como era o tan recordado Balbino, mais tampouco é de cidade. Vive nunha pequena vila de costas a esa aldea na que permanecen os seus avós e que coñecerá, grazas a eles, nas vacacións, nas que o protagonista –e o propio autor– aproveitarán para enaltecer as virtudes do rural galego, desde a natureza ata o can de palleiro, os xogos tradicionais, a pesca ou as feiras e romaxes populares.

Esta obra póstuma é un novo canto á vida da aldea que tanto, e tan ben, reivindicou Neira Vilas e supón o colofón perfecto á traxectoria vital e literaria do autor de máis de medio centenar de títulos, entre eles o inesquecible Memorias dun neno labrego, o libro máis lido da literatura galega contemporánea. 

GALERÍA