Bolanda, Premio ao Mellor Editor

07 · novembro · 2016

Bolanda fíxose esta fin de semana co Premio ao Mellor Editor nos I Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia que entregou o Clúster da Comunicación Gráfica e nos que obtivemos outros dous galardóns como finalistas.

O Clúster da Comunicación de Galicia entregou o venres os I Premios Paraugas no que Bolanda se fixo co galardón ao mellor editor. Ademais fomos finalistas noutras dúas categorías: a de mellor libro editado na que competimos con dúas obras: Semente galega en América e Contos vellos para rapaces novos e na de mellor libro (contido) con Contos vellos.




O recinto feiral de Expourense acolleu a entrega dos I Premios Paraugas, que xorden co obxectivo de recoñecer publicamente "o saber facer das empresas e dos profesionais que traballan en toda a cadea de valor da comunicación na nosa comunidade". Así o destacou no acto de entrega o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza, moi emocionado polo "éxito de participación" da convocatoria, á que se presentaron 480 proxectos. 

Quedaron desertos os premios ao mellor autor e mellor formato PLV, e entregáronse dous galardóns honoríficos ao presidente do Foro de Marcas Renombradas Españolas e presidente de Freixenet, José Luis Bonet, e ao recoñecido publicista español Marçal Moliné.

O resto de premiados foron, no eido do marketing, Abanca como Mellor Estratexia/Acción de Branding; Furancho Galician Food como Mellor Acción Relación/Escoita ao Cliente, e Ingapan Rodanos como Mellor Estratexia de Acción/Produto. O premio á Mellor Creatividade Gráfica foi para C42 e a Audiovisual para Inditex Sustanability mentres que o Premio á Mellor Idea Integrada-Cross Media foi para a campaña 110 Etiquetas de Estrella Galicia.

O Premio á Mellor Estratexia de Comunicación Externa recaeu en Punto e seguido e Join levou a distinción á Mellor Estratexia de Comunicación Interna, mentres que Galejobs fíxose co galardón á Mellor Práctica de Comunicación en RSE. O Mellor Deseño Gráfico foi para a campaña Compostela en Negro do Concello de Santiago, o Mellor Deseño Industrial para Lusi e o Mellor Deseño Dixital para Vieiros.

Sensia fíxose co Premio ao Mellor Catálogo Publicitario, mentes que o Premio ao Mellor Libro Editado foi para El Camino Francés en el Códice Calixtino, e o de Mellor Libro (polo seu contido) para a obra Netiqueta. Finalmente, Bolanda fíxose co Premio ao Mellor Editor.