ACTUALIDADE

“O libro dos medos” para a noite máis terrorífica

25 · outubro · 2016

Coincidindo coa próxima celebración do Samaín, a noite máis terrorífica do ano, Bolanda Ediciones presenta O libro dos medos, o último título de María Canosa destinado ao público infantil e xuvenil. 

 

Cando era pequena / sempre xogaba / aínda que ás veces / tamén me asustaba.  

Por iso escribín / estes poemas / que me daban valor / e arredaban as penas.

“O libro dos medos” para a noite máis terrorífica
Edición

Así explica María Canosa, como xurdiu O libro dos medos, un fermoso exercicio para conxurar os medos… que non o son. Porque despois da treboada “ole a terra mollada”; os médicos logran que a “dor remate”; as pantasmas non son máis que sabas e os cocos son “todo un conto”.

Deste xeito vai desmontando a autora os principais medos que ameazan na infancia ás cativas e cativos, e faino nun poemario que recibiu unha mención no VII Premio Arume de Poesía para nenos no ano 2013. Unha obra divertida e moi doada de ler, mesmo polos propios interesados, que poderán espantar os medos por si mesmos conxurando estes fermosos versos ao tempo que gozan das belidas ilustracións que acompañan cada poema, obra de novo da sensacional Olaya Naveira.

Un libro tan terrorífico como fermoso ao que podedes achegarvos un pouco máis no seu propio web bolanda.es/olibrodosmedos.

GALERÍA