Dobre presentación en Cee

21 · outubro · 2016

María Canosa e Concha Blanco presentaron na Librería Ler as súas obras Non é París e DO RE MI FAntasía.

No magnífico espazo da Librería Ler de Cee, presentaron Concha Blanco e María Canosa os seus últimos títulos: DO RE MI Fantasía e Non é París. Familiares, amigos e veciños acompañaron as autoras na súa vila natal natal, onde asinaron exemplares das súas obras e contaron como xurdiron cada unha das obras e que pode atopar o lector que se achegue a elas.




A primeira en intervir foi Concha Blanco que contou o proceso de creación “por fases” deste orixinal DO RE MI FAntasía, un libro de 23 relatos destinado ao público infantil e xuvenil que teñen como protagonistas aos curiosos personaxes que habitan “no país de Fantasía” e que pode lerse en verso, en prosa ou alternando ambos, “sen perder a esencia da historia”. Para mostralo a autora fixo unha tripla lectura dun dos relatos que deixou moi bo sabor de boca entre os presentes.

María Canosa presentou Non é París, a súa primeira novela “non por publicación pero si por creación”, xa que é a primeira que escribiu e que sentiu “preparada” para ver a luz, un relato “real como a vida mesma” e cuxa protagonista é unha muller “e non casualmente”. Non quixo desvelar moito máis sobre o contido para non estragar a trama aos futuros lectores, aos que asegurou unha lectura “rápida, fresca e sinxela”.