ACTUALIDADE

María Canosa e Concha Blanco presentan os seus últimos libros

17 · outubro · 2016

A Librería Ler de Cee, localidade natal das dúas autoras, acollerá este xoves, 20 de outubro, a presentación das súas últimas obras editadas por Bolanda: Non é París e DO RE MI FAntasía.

Concha Blanco e María Canosa farán este xoves unha presentación conxunta das súas últimas obras, publicadas por Bolanda Ediciones y Marketing: DO RE MI Fantasía e Non é París, respectivamente. 

María Canosa e Concha Blanco presentan os seus últimos libros
Edición

A presentación terá lugar na vila natal de ambas as dúas escritoras, Cee, e máis concretamente na Librería Ler, onde sempre coidaron con especial atención ás dúas autoras que, neste caso, si son “profetas na súa terra” onde as seguen e len con atención. Por iso decidiron facer alí a presentación das súas últimas obras e facelo conxuntamente, de xeito que poidan achegarse a amigos e lectores comúns, que son moitos.

Concha Blanco presentará DO RE MI FAntasía, un orixinal libro destinado ao público infantil e xuvenil que permite múltiples lecturas: pode lerse en verso, en prosa ou alternando prosa e verso para obter unha visión máis rica e completa dos múltiples personaxes que habitan no país de Fantasía.

Pola súa banda, María Canosa presentará a súa novela curta Non é París, unha historia de superación en clave feminina onde a cidade de Santiago, cunha evocadora imaxe, é tamén protagonista secundaria da obra.

O encontro coas autoras, que asinarán exemplares dos seus libros, comezará ás 19:00 horas.