María José Gulín inicia unha xira de contacontos dos seus libros

29 · setembro · 2016

María José Gulín inicia este venres en Calo (Teo) unha “minixira” de contacontos baseados nos tres libros que a levará nas próximas semanas ata diversos colexios e librarías da área de Compostela. Consulta as datas!

María José Gulín, a autora da colección “O Zapateiro” e doutros títulos editados por Bolanda Ediciones y Marketing, levará as súas historias pola comarca compostelá en formato de contacontos, tanto exclusivas para estudantes de diversos centros educativos como en aberto nas librarías Cronopios e Couceiro.




As primeiras sesións serán este mesmo venres no CEIP A Igrexa de Calo (Teo), onde a cativada poderá gozar das aventuras que o pequeno Xermán e os seus simpáticos amigos viven en O zapateiro e o raposo, o último libro publicado, até o de agora, pola autora.

O primeiro, O zapateiro no bosque, chegará o 5 de outubro á escola infantil Raiola de Santiago e o día 24 ao CEIP Raíña Fabiola, onde a autora fará dúas sesións, unha para os alumnos de infantil e outra para os de primeiro de primaria. Pero non serán os únicos que gocen das historias de María José Gulín, xa que tras o recreo a autora fará outras dúas sesións para os estudantes de máis idade, aínda que neste caso do conto Unha escola nas nubes.

As alumnas e alumnos do CEIP Lamas de Abade recibirán a visita da autora o 17 de outubro,  neste caso acompañada de Antía Barba, a ilustradora de todos os libros de María José Gulín. Antía fará esbozos de ilustración, para mostrarlles ás nenas e nenos como se lle pon imaxe a unha historia e achegarlles o proceso de creación artística deste tipo de obras. Neste centro o libro elixido para o contacontos será O zapateiro e o raposo, ao igual que no CEIP das Fontiñas, onde a sesión terá lugar o 26 de outubro.

Contacontos abertos ao público

O mesmo título será o protagonista das sesións programadas en dúas librarías de Compostela. O 8 de outubro, ás 12:00 h, María José Gulín volverá á libraría Cronopios (r/Alfredo Brañas) onde xa presentou os seus títulos anteriores cun grandísimo éxito de convocatoria. E o 22 de outubro, ás 12:30 h, O zapateiro e o raposo chegará á libraría Couceiro (praza de Cervantes). As dúas sesións son de acceso libre e totalmente gratuítas.