“DO RE MI FAntasía”, un libro para ler en verso, en prosa ou alternando poesía e relatos

08 · novembro · 2016

No país de Fantasía habitan personaxes moi curiosos como o león Cachafeiro, D. Tomé, o can Rabelo, o oso azul, a pulga Sabina… que son, amais doutros, os protagonistas das historias que forman este libro. Entre todos encárganse de facer soar as notas musicais, DO RE MI FA…, conseguindo con elas o humor que che sacará un sorriso.

A recoñecida autora Concha Blanco presenta o seu último título destinado ao público infantil e xuvenil, DO RE MI FAntasía, unha obra moi especial porque permite ser lida de diversos xeitos. 




Tal como explica a autora, os amantes da poesía poderán ler este libro en verso, saltando as partes en prosa. Os que gustan máis dos relatos só teñen que omitir as poesías, e aqueles que gusten de ambas as dúas poderán ler o libro de principio a fin, alternando prosa e verso. Deste xeito o libro permite varias lecturas, sempre diferentes e todas amenas, que permitirán á infancia achegarse, case sen querer, ás dúas linguaxes literarias.

Concha Blanco explica que este libro “agromou de xeito curioso”, xa que primeiro concibiuno como poemario, “pero como publicar poesía non é doado” decidiu “darlle outra volta e convertelo en narrativa”. Mais o resultado non se axustaba ao que ela quería así que, “tras moito tempo no caixón” ocorréuselle combinar ambos os dous traballos.

E así xurdiu este DO RE MI FAntasía, do que finalmente Concha séntese moi satisfeita, tanto polo contido como polo “vistoso” formato do libro, “que está chamando moito a atención”. A obra complétase coas ilustracións de Olaya Naveira, que repetiu o magnífico traballo realizado para Lobishome facendo unha fermosísima interpretación do mundo ideado por Concha Blanco.

*Para máis información: Caderno da Crítica