“Non é París”, a nova novela de María Canosa

19 · setembro · 2016

Aínda que "non sentía a necesidade" de escribir para adultos, a historia petou á porta e María Canosa púxose mans á obra. O resultado é a novela, Non é París, que vimos de editar en Bolanda e na que a autora dá voz a unha muller afouta á que a vida lle dá un pau inmerecido.  

A prolífica María Canosa (Cee, 1978) volve dirixirse ao público “adulto” na súa última obra literaria, Non é París, tras moitos anos adicada á literatura infantil e xuvenil. A obra, editada por Bolanda, narra a historia de Marcela, unha muller resolta e decidida, afeita a tomar decisións importantes, que, de súpeto, terá que lidar cunha situación imposta na que pouco pode facer máis que coller as rendas da súa vida para volver a ser feliz.




A cidade de Santiago, cunha evocadora imaxe, é tamén protagonista accidental da obra, xa que nela transcorre boa parte da historia que presenta esta precoz autora, que ten máis de 30 libros publicados e unha longa lista de premios ás súas costas desde aquel primeiro que, con oito anos, recibiu da Asociación Cultural O Facho e que ía ser premonitorio. Aínda que a verdadeira razón da súa traxectoria literaria está na súa nai, a autora Concha Blanco, “culpable” de que María nunca lle tivese medio a escribir, como ela mesma asegura.

Así comezou a escribir desde que ten “uso de razón” para os seus coetáneos, despois pensando no público infantil e xuvenil e recentemente para o público adulto. “Teño que dicir que nunca sentín a necesidade de escribir unha historia para adultos”, di a autora, pero atopou “unha historia que me pedira ser escrita, e fíxeno. Sen máis”. E así ve a luz agora este Non é París, unha novela curta (104 páxinas) en medio formato e coidada edición, coa que esta enxeñeira de Camiños, Canais e Portos volve á actualidade literaria galega.